O colectivo Marea Granate denuncia a deriva autoritaria e antidemocrática do Estado español evidenciada pola existencia de presos políticos no país, o cal non é unha novidade (a lei antiterrorista serviu durante anos como paraugas pra todo tipo de torturas, encarceramento e persecución) senón un feito exacerbado ao amparo da “Lei Mordaza” e empregado como método de represión tanto contra aqueles que erguen as súas voces contra as súas políticas neoliberais e conservadoras, como contra o proceso soberanista catalá.
Preocúpanos o carácter franquista encuberto do actual réxime español, unha suposta democracia europea, e o grande número de persoas represaliadas que existen a día de hoxe (Os Jordis, Alfon, Emilio Cao, os rapaces de Alsasua, os rapeiros Valtònyc, Pablo Hasél e La Insurgencia, humoristas, titiriteiros, activistas pro dereitos humanos). Os casos actuais só salientan unha realidade inherente ao réxime post franquista español, aproveitando a política de shock, iniciada coa mal chamada crise, pra castigares todo tipo de disidencia política e impór un relato político e social monopolizado, un discurso único que non cuestiona a orde establecida.
Neste marco, son moitos os dereitos substraídos e liberdades recortadas. Denunciamos que o Estado español incumpre os acordos internacionais relativos á existencia de presos políticos á par que abafalla os dereitos de asociación* e liberdade de expresión*. Denunciamos o exceso de impunidade, os crecentes abusos de poder e a falla de xustiza.
Condeamos igualmente a arbitrariedade coa que o Estado español aplica o cumprimento da lei en función da ideoloxía das persoas, así como o uso indiscriminado de tipos penais como terrorismo, enaltecemento, aldraxes, blasfemia ou atentado contra a autoridade, banalizándoos pra perseguir xudicialmente á cidadanía.
Somos testemuñas de como o Estado español encarcera a persoas por feitos tales como participar nunha protesta, escribir un chío en Twitter, pertencer a un colectivo social, participar nunha liorta de bar, escribir cancións, facer obras de teatro, informar durante unha manifestación, asistir a unha folga xeral ou por querer exercer o seu dereito ao voto.
Frente á xustiza social, estas accións só promoven a substitución da acción política por un uso hiper-punitivo do código penal coa única intención de revestir de inevitábel a represión coa que o estado responde a quen difire ideoloxicamente. Así, persíguese xudicialmente e mediante represión policial a pertenenza a colectivos sociais, as protestas e a lexítima oposición ao statu quo, negando á cidadanía o dereito á protesta e, de forma efectiva, afastándonos dun funcionamento democrático do Estado.
Por todo isto, dende Marea Granate esiximos que se paren os procesos xudiciais abertos contra a cidadanía por levar a cabo o exercicio dos nosos dereitos, a inmediata liberación de todas aquelas persoas encarceradas inxustamente por motivos políticos, que se garantan o dereito á libre asociación e á liberdade de expresión, ao tempo que se inicia un proceso de diálogo que protexa o dereito a defender as nosas diversas posicións políticas.
Reclamamos que se derrogue a mal chamada “Lei Orgánica de protección cidadá de 2015”, coñecida popularmente como “Lei Mordaza”, así como a supresión dos delitos de aldraxes á coroa**, de ofensa dos sentimentos relixiosos*** e a revisión da reforma do código penal, aprobada cos votos do PP, PSOE, Coalición Canaria, UPN e Foro Asturias (e a abstención de CIU e UPyD) que permitiu a extensión da definición de “terrorismo” a conductas que nada teñen que ver co mesmo.
Reivindicamos que se reforme a xustiza española, pra garantir a súa independencia ao tempo que se respectan os acordos internacionais en materia de dereitos humanos e liberdade de expresión.
Dende fóra, seguiremos difundindo e dándolle pulo ás movilizacións cidadás en pro da xustiza social, denunciando os excesos que cometen as supostas forzas da orde e o aparato represor do Estado, desmontando as fake news das cloacas do Estado, contrarrestando a desinformación da caverna mediática e visibilizando as iniciativas de resistencia cidadá.
La participación cidadá nos asuntos políticos é un valor que todo Estado que se denomine democrático debería fomentar, endexamais reprimir.
Antes durmiamos, mais hai moito tempo que espertamos.
*Recollidos na Declaración universal dos Dereitos humanos Art. 20 e Art. 19 respectivamente (https://www.un.org/es/universal-declaration-human-rights/) así como na Constitución española Art.22 e Art. 20 respectivamente (https://boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-A-1978-31229)
**Artigo 490.3 do código Penal http://noticias.juridicas.com/base_datos/Penal/lo10-1995.l2t21.html#a490
***Artigo 525 do código Penal http://noticias.juridicas.com/base_datos/Penal/lo10-1995.l2t21.html#a525
Leave a reply